PASquin. 15-Setembro-2014. N. 241. «Visión panorámica da literatura galegoasturiana (I)».
…/…
Deste tempo consérvanse varios orixinais e traducións ou adaptacións teatrais, así como textos narrativos publicados no quincenario El Aldeano. Entre os artífices, como ben sinala Xosé Miguel Suárez Fernández en El “Teatro Aldeano” da Biblioteca Popular Circulante de Castripol (1929-1934) (Ámbitu, Uviéu, 2009), cómpre citar, entre outros, a Manuel Marinero, Francisco Marinero, Vicente Loriente, Mª Ramona Penzol, Claudio Penzol, Ramón Martínez “Xuanín de Xonte” e Alejandro Sela, ao que pertence este fragmento de “Os santurrois” (El Aldeano, nº 30, 30-XII-1930):
Duas ou tres casas en cada pueblo son abondas pra que se xunten os devotos d’os santurrois, que son muitos. Van os novos de cada casa, y’unha vez c’outra, os santurrois vellos, pr’acompañalos. Eu sempre acompaño a os meus fiyos porque, s’ei decir a verdá, gústanme a min tanto como a elos, y ademais, gústame acompañar as fiyas, porque n’estos tempos non se poden deixar solas. ¡Haivos cada xilitron por ei!
Cun pequeno conxunto dos escritores nacidos durante a segunda década, entre os que se acha Sela, seguindo De Pondal a Novoneira (Xerais, Vigo, 1984) de Xosé Luís Méndez Ferrín, individualizamos o grupo xeneracional de 1936, como xa fixemos público en Évos un amaicer guapo. Aproximación á poesía en lingua galega do Principado de Asturias (Universidade de Vigo, 2007). Son autores que, ademais de proporcionárenlle un novo aire á narración, mostran na poesía a pegada do modernismo e das vangardas. Do concello de Castropol coñecemos bastante ben a obra de Alejandro Sela, Francisco Fidalgo Villaveirán e Amador Fernández Mejeras. A eles únese Ovidio Martínez Álvarez “Ovidio de Queipo”, natural de Boal, moi amigo de Amador. Con obra espallada por diferentes xornais, coinciden os catro no ribadense Las Riberas del Eo, ás veces colaborando dous deles no mesmo número.
Alejandro Sela, a quen Suso Fernández Acevedo n’A herdade que nós temos. Historia e escolma da prosa en galego do Eo-Navia (Universidade de Vigo, 2008), considera “un dos precursores da tradición prosística en galego no Eo-Navia”, deixou, asinando cos pseudónimos “Fulano de tal” e “El tío Pepe”, unha serie de narracións sobre temas etnográficos e de costumes. Escribe nunha lingua fiel ao sistema familiar, na que non deixan de aparecer dobretes en formas coma non e nun, vellos e veyos, cando e cuando, para e pra, pra este e preiste, etc.
…/…